“Todo o bosco brilaba,
cunha estreliña en cada folla.
Eu camiñaba en dirección da estrada real vella.
A Grande Fraga de Tagen Ata
era coma unha campán enorme
onde resoaba o arruallo do meu corazón.
Que emoción fonda a miña,
introducíndome na fraga, en precura do meu!”
Rotbaf: Chámome Rotbaf, da ITA do esterior.
Veño visitar a Ulm Roan
Taberneiro de Ok: Silencio! Nin nome nin siglas
poden ser pronunciadas. Non esiste isa organización
Rotbaf: Débeme levar!
Taberneiro de Ok: Pode ir soia.
Xa non hai que tomar precaución
ningunha hoxe en día pra ir onda Ulm Roan!
Tía Natalia: Pensa que estás en T.
Aquí residen os obreiros do Arrabaldo do Norte.
Eles endexamais poderán apoiar
o nacionalismo de Ulm Roan.
Convidados de Natalia: Nunca apoiarán, non,
o vello xeito de entender Tagen Ata
que ten Ulm Roan.
Nunca apoiarán, non,
o vello xeito de entender Tagen Ata
que ten Ulm Roan.
Ulm Roan: Non podo salvar o país!
Non podo facer outra cousa que poemas.
E salvar as esencias: a fala.
Non máis que o barco do máis grande naufraxio.
Son moitos séculos de sombra, Rotbaf.
Hai cousas que o esterior iñora.
Esqueza a organización.
Vivides desconectados do país.
Xa non hai máis que falar.
Xa a ITA se disolveu, e o responsable son eu.
Pois Terra Ancha ten xa
unha Lei Autonómica
que recoñece a Língoa
e as obras públicas xa.
Xa non hai máis que loitar.
Xa non máis resistencia.
“A benevolencia de Terra Ancha pódese vir abaixo.
Os cimarróns pódeno desfacer todo”, dixo Ulm.
“E quen son os cimarróns?”
“Os cimarróns son os campesiños que se revoltan
e tras de prantexaren reclamacións imposibles,
cometen actos de violencia”
Ulm Roan: En contubernio cos obreiros.
En contra da xustiza natural.
A autonomía vense abaixo,
se a Terra Ancha conquiren irritar.
Inda non sabes todo.
Eles son criminais que adoutaron a bandeira nacional
e proclámanse, proclámanse milicia da ITA.
Os seus verdadeiros fins son
desposuír aos señores naturás
e aos propietarios honestísimos
das factorías de T,
E implantaren por todas partes a anarquía social!
Eles son criminais que adoutaron a bandeira nacional
e proclámanse, proclámanse milicia da ITA.
E os patriotas disolvimos a ITA pra nos presentar
cunha face distinta,
cunha face distinta ante Terra Ancha.
“Ulm Roan:
Estás trabucado,
que é a maneira máis académica que atopo
pra dicir que es un traidor.
Sei que non collerás o bon camiño
porque fas parte da grea dos poderosos.
Mesmo lle das beleza e coor aos seus principios.
Serás, seredes rebasados.
O vento da historia sopra de outro ponto.
Adeus pra sempre,
Rotbaf”